A Diocese de Lugo atende ás comunidades cristiás en 1.138 puntos. Son as parroquias, nas que se fai a base do labor evanxelizador dunha Diocese.
O anuncio da Palabra e a celebración dos sacramentos lévase a cabo, fundamentalmente, nas parroquias, atendidas por máis de 300 sacerdotes.
A catequese a distintos niveis, tanto para recibir algún sacramento como para unha acción permanente de educación na fe, é unha tarefa importante na pastoral da Igrexa.
Cáritas, en nome da comunidade cristiá, atende aos excluídos da sociedade. A axuda que presta é fundamental ante situacións de pobreza. A Diocese de Lugo ten 15 centros sociais, 20 Cáritas parroquiais e 43 Cáritas interparroquiais. Nos últimos anos vén atendéndose cada vez a máis persoas.
O labor formativo tamén é ben coñecido, polo que imos salientar unicamente unha actividade propia deste Ano da Fe. Trátase de xornadas de formación para leigos sobre o credo. Distribúese a Diocese en nove zonas que acollerán estes cursos.
Pero non só se benefician os diocesanos do traballo da Diocese, senón tamén no exterior. Para o labor misioneiro, a Diocese destinou máis de cen mil euros. E para programas de desenvolvemento en países empobrecidos a cantidade tamén sobrepasa os cen mil euros; neste caso a través de Mans Unidas.