Unha de cada once persoas no mundo sufriron desnutrición crónica en 2023: preto de 733 millóns de persoas segundo a Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO).
Mans Unidas, na súa loita contra a fame e a pobreza no mundo, levou a cabo nos últimos cinco anos máis de 500 proxectos para frear a desnutrición no sur Global a través de diferentes proxectos, entre outros, de seguridade alimentaria e capacitación.
Con motivo da conmemoración, os días 16 e 17 de outubro, respectivamente, dos Días da Alimentación e da Erradicación da Pobreza, Mans Unidas denuncia un drama que non só é unha cuestión de carencia, senón o froito dunha inxustiza arraigada e aceptada que afecta as vidas de millóns de persoas no mundo. As consecuencias dos malos tratos ao planeta afectan en maior medida á poboación rural empobrecida.
Segundo Mans Unidas, o acaparamento de terras, a produción intensiva de biocombustibles, a cría industrial de gando, a perda e o desperdicio de alimentos, e a especulación co prezo dos alimentos, son algúns deses factores que teñen como resultado que case 733 millóns de persoas pasen fame no mundo; é dicir: unha de cada once persoas non ten suficientes alimentos para levar unha vida saudable e activa.