Celebración do 800 aniversario da igrexa de Ventosa

O próximo domingo ás 12 haberá unha Eucaristía na igrexa de Ventosa presidida polo señor Bispo e de seguido unha procesión, para conmemorar os 800 anos de existencia da mencionada igrexa.

Ventosa está a 4,5 Km de Agolada. O seu núcleo principal é Laxe, que ten aires de pequena vila. A parroquia é fundamentalmente agrícola-gandeira.

Moitos elementos da igrexa pertencen plenamente ao románico en Galicia, o que situaría a súa construción entre 1170 e 1212. Daí a celebración do 800 aniversario.

Ventosa é unha parroquia do Concello de Agolada, con restos de culturas antigas.

En San Xulián dos Chaos, lugar no que o bispo de Lugo-Braga Odoario (s. VIII) fundou a primeira parroquia, hai un dobre sepulcro de forma antropoide, tallado en roca viva. Tamén preto da actual igrexa hai un pequeno castro.

As primeiras noticias documentadas referentes a esta parroquia datan de 952. Ordoño III, neste ano, doa á igrexa compostelá e ao seu bispo Sisnando II as terras do antigo condado ventosino. A doazón tiña o fin de sustentar aos cregos que atendían a peregrinos, pobres e enfermos do Camiño de Santiago. Polo ano 1400, Ventosa era xa parroquia importante ou “freguesía” como se dicía daquela. Tiña personalidade xurídica propia. Era, en termos de agora, partido xudicial.

A igrexa de Ventosa é un conxunto único e dos máis fermosos de Galicia. Aínda que as esculturas non manteñen o seu lugar orixinal, hai un esquema teolóxico e orixinalidade temática. En palabras de Filgueira Valverde: é “a catedral da arte rural galega”.


Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: