Presentación do libro “Unha historia de superación” de Marisol Bravos

O 27 de novembro o salón de actos da Biblioteca Pública de Lugo acolleu a acto de presentación do libro de Marisol Bravos Unha historia de superación. Xulio Xiz foi dando paso ás distintas intervencións: a directora da biblioteca Sabela Pérez Fórneas; o prologuista Pepe Vázquez Peinó; a autora; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez. As actuación musicais correron a cargo de Aida Río, alumna de Marisol no colexio de Alfoz no curso, 94-95, e dous compoñentes de Forget la France, Vanesa Hermida e Roi Álvarez, este último tamén alumno de Marisol no Colexo Veleiro-Docampo, en Castro Ribeiras no curso 95-96.

Marisol Bravos escolleu o 27 de novembro por ser o Día do Mestre e mostrouse dobremente satisfeita: inauguraba a rampa de acceso á parte alta do salón de actos da biblioteca e publícase a historia da súa vida cunha tiraxe importante, pois a primeira versión só tivera 2 exemplares publicados artesanalmente e fora o resultado da participación de Marisol no programa «Historias vividas» de Afundación, a Obra Social de Abanca.

No libro conta as súas experiencias nos distintos colexios, en Auxilia, en Terra Santa, no encontro con San Xoán Paulo II, no Movemento Bíblico, en COPE….

 

Publicación sobre a arte de orar

Os Secretariados de Catequeses de Galicia publican este mes de novembro unha obra de 24 páxinas titulada El arte de orar y aprender a orar. Claves para catequistas.

É unha obra dirixida especialmente aos catequistas, para que a oración sexa “un lugar de encontro onde o corazón do home e o corazón de Deus atópanse nun diálogo de amor incesante”, como di o papa Francisco. Precisamente o Santo Padre decidira adicar á oración o ano anterior ao Xubileu 2025.

Centenario da morte de Avelino González López

Avelino González López naceu en 1871 na parroquia de San Cristovo de Martín, no concello de Bóveda. En 1895 foi ordenado sacerdote e o seu primeiro destino foi San Vicente do Pino, en Monforte. No ano 1901 foi destinado a San Pedro, en Lugo, onde pasaría xa toda a súa vida sacerdotal ata o seu falecemento en 1924, aos 52 anos.

Foi un dos fundadores do periódico La Voz de la Verdad. Creou a Asociación de las Hijas de María, a Congregación de la Doctrina Cristiana, a Asociación de la Sagrada Familia e o Sindicato Católico Obrero. Os pobres e os enfermos tamén foron colectivos aos que axudou.

Jesús Guerra Mosquera recolleu testemuños sobre Avelino e asegura que “todos os que o coñeceron falaban da súa fe (expresada en todas as súas actitudes), da súa caridade (dábao todo), da súa humildade (era, en verdade, un home humilde de corazón), da súa obediencia (“xamais oimos dos seus labios unha protesta”) e do seu especial amor á Eucaristía e á Virxe” (Lvcensia, n. 28).

Mirando unha gráfica

Esta gráfica chámanlle a “pirámide” da poboación española (2023), pero hai que dicir que iso é mentira, pois non é unha pirámide, senón máis ben un trapecio que mostra a composición dos que viven hoxe en España por idades e sexo. Hai xa moitos anos que deixou de ser unha pirámide.

O primeiro que nos revela a gráfica é que nos atopamos ante unha sociedade moribunda que camiña cara á súa desaparición. É dicir, unha sociedade que se está suicidando por non ter unhas expectativas de futuro que entusiasmen á poboación.

O segundo, xa mirando con algo máis de profundidade, é que a vida humana para esta sociedade non é un valor relevante que mereza a pena, non é un proxecto interesante para ofrecer ás persoas. O preferible é que a vida vaia morrendo sen facer moito ruído. Por tanto, a ninguén debe sorprender que exista con toda normalidade o aborto, mesmo como método anticonceptivo,  especialmente se a nova vida ten enfermidades e hai algúns que afirman que nese caso debería ser unha obrigación. Pola mesma razón acéptase socialmente a eutanasia co argumento de que non sufra o enfermo, pero sen falar do seu dereito aos coidados paliativos. Moitos intuímos que a razón básica é para que non molesten, nin dean gastos á Seguridade Social porque a vida humana non merece a pena, unha mensaxe institucional para nenos e mozos, tamén para adultos e anciáns.

Seguindo coa análise da gráfica atopamos que hai unha pesada carga encima de nenos e mozos que parece superar as súas forzas, máis do dobre da que debería haber en boa lóxica; hai tramos de idade que son máis do dobre dalgún tramo inferior, o que contrasta co que sería un fenómeno natural. En contrapartida, ten lóxica que os deses tramos inferiores evádanse con drogas, botellóns, adiccións dixitais… ou que aumenten bastante neles os trastornos psíquicos e as tentativas de suicidio, mesmo que sexan sobreprotexidos e logo teñan dificultades para a normal convivencia social, tamén que haxa tantos con necesidades especiais en cada clase nos estudos. A “falsa pirámide” pode axudar a entendelo.

Na actualidade está establecido que os fillos deben terse cando sexan desexados, e así serán ben acollidos e coidados. Pero desexar e acoller son feitos que non van sempre xuntos na vida, pois se pode desexar telos con moito desexo, pero cando nacen ser mal acollidos, e ao revés, non ser desexados e ser ben acollidos. O que si ten a mesma lóxica é que, se os fillos téñense cando e como se desexe, tamén aos pais se “terán” cando e como se desexe, pois en ambos os casos trátase do mesmo criterio: o desexo.

A gráfica explica a necesidade que hai da inmigración, e o xa comentado pode axudar a entender que aumenten, á vez, tanto a necesidade dela como a xenofobia, dada a incoherencia social e a cultura antihumanista predominante.

Menos mal que o ser humano non está determinado na súa vida, sempre ten a liberdade de elixir a actitude que tomar ante os acontecementos da realidade e os seus propios condicionantes. Mesmo nesta sociedade, que non valora a vida, pode atopar sentido en dar unha resposta clara en favor da vida, en oporse ás mensaxes contrarias á vida da estrutura social e das institucións. A persoa pode traballar en favor da vida humana e da colaboración pola vida entre persoas, grupos e institucións.

Para fomentar a actitude de que a vida ten sentido sempre na colaboración e o compromiso cos semellantes, pódese atopar inspiración nestas palabras do Nazareno:

 Se alguén me quere seguir, que renuncie a si mesmo, que cargue coa cruz de cada día, e que me siga. Pois o que queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen perda a súa vida pola miña causa, ese poñeraa a salvo. Pois ¿de que lle serve ao home gañar o mundo enteiro, se el se perde ou arruína? (Lc. 9, 23-25).

A vida humana realízase no darse, en ser útil, realizar a propia vocación, en gastarse en favor dos demais, non en gardala e preservala.

Finalizo co que escribía nos anos 50 o segundo secretario xeral da ONU, o sueco Dag Hammarskjöld, no seu diario: “A explicación de como un home debería vivir unha vida ao servizo activo da sociedade… atopeina nos escritos daqueles grandes místicos medievais para os cales a renuncia de si mesmos fora o camiño da realización persoal”.

Para os que a pesar de todo din si á vida queda tarefa compartida a realizar.

 

Antón Negro Expósito

Sacerdote e sociólogo

[Artículo en castellano]

Xornada formativa para o profesorado de Relixión

Isabel Gómez Villalba

O 16 de novembro tivo lugar unha xornada de formación para o profesorado de Relixión co título: A aprendizaxe-servizo na clase de Relixión. Un compás para orientar o talento.

Dirixiu as sesións Isabel Gómez Villalba (Universidade San Jorge de Zaragoza), que comezou comentando aspectos xerais do sistema educativo, e así, sinalou que está deixándose colonizar pola lóxica do economicismo.

Sobre aprendizaxe-servizo deu unha definición completa:

 Unha proposta educativa que combina procesos de aprendizaxe e de servizo á comunidade nun só proxecto ben articulado onde os participantes aprenden ao traballar en necesidades reais da contorna coa finalidade de mellorala.

Daquela, non se trata de que o alumnado unicamente mellore o seu currículo persoal, senón orientar o seu talento, facendo que o empreguen na mellora da sociedade. Porque o fundamento da aprendizaxe-servizo é integrar os contidos curriculares nas propostas solidarias, superando unha mirada fragmentaria.

Sobre as achegas da aprendizaxe-servizo á clase de Relixión, Isabel Gómez Villalba, indicou tres liñas básicas:

  • Amor en acción
  • Pasar da teoría á práctica: Explicitar o Evanxeo
  • Aprender a vivir desde a lóxica do don

E para o alumnado de Relixión, as achegas son:

  • Desenvolvemento de capacidades, habilidades, coñecementos e valores.
  • Tomar conciencia das necesidades reais da contorna
  • Aproximación á realidade do tecido asociativo.
  • Potencia o pensamento crítico, a curiosidade e a saída dun mesmo cara aos demais.
  • Experiencia da entrega persoal.

A %d blogueros les gusta esto: